Un experto en insectos, Lolo Andrade, impartirá este xoves ás 19:30 horas no Multiúsos unha charla na que se falará desta especie invasora e se ensinará aos asistentes a realizar trampas caseiras para intentar deter o seu avance. Dende a Concellería de medio ambiente lembran que no caso de localizar un niño débese informar no propio Concello (986400300) para que se lle comunique a Protección Civil e proceder a súa retirada.
“En tres anos pasouse de 30 niños de avespa velutina a retirar máis de 300”, estes son os datos que manexan na Concellería e que dan conta da expansión alarmante desta especie invasora que, malia non supor un risco para a saúde humana maior que calquera outra avespa, si conleva importantes riscos para o Medio Ambiente ao causar a eliminación das abellas autóctonas. Co obxecto de tentar senón erradicar si controlar a súa expansión, esta tarde un experto en insectos achegará aos veciños información en torno ao ciclo reprodutivo desta especie, como identificala correctamente e o protocolo a seguir cando se localiza un niño. Tamén se falará das diferentes trampas para a súa captura e se explicará como elaborar trampas caseiras. Unha actividade aberta a todo o que queira achegarse hoxe xoves ás 19:30 no Multiúsos.