O Concello presenta no pleno extraordinario de hoxe unha proposta para incrementar as achegas a diferentes entidades do eido social, educativo e cultural. Entre as beneficiarias estarían a Asociación Andaina, Lenda, Asociación contra o Cancro, Cáritas ou Hemanos pobres de Teis. Tamén experimentaría un importante incremento a achega que recibe a asociación Xente Titiriteira que pasaría de 47.000 a 56.000 euros.
A proposta debaterase no pleno extraordinario que se celebra hoxe xoves ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira e inclúe incrementos nas subvencións que actualmente reciben diferentes asociación que desenvolven tarefas de carácter social e cultural en Redondela.
Entre as beneficiarias estaría a Asociación Andaina, que aglutina a un total de 18 familias con fillos ou fillas con necesidades especiais e que pasaría dos 4.000 euros que recibe actualmente a un total de 18.000 euros anuais. Pola súa banda, a Asociación española contra o Cáncro duplicaría a súa dotación económica que pasaría de 2.000 a 4.000 euros. Tamén a asociación Lenda, que promove a inclusión dos enfermos psíquicos pasarían dos actuais 11.000 a recibir 15.000 euros.
Cáritas percibiría 20.000 euros por parte do Concello fronte aos 15.000 que percibe na actualidade. A Fundación Amigos de Galicia, de recente creación no municipio, pero que desenvolverá unha importante labor na parroquia de Chapela repartindo alimentos ás familias máis necesitadas, recibirá grazas ao convenio unha contía de 6.000 euros anuais mentres que a asociacións Hermanos Pobres de Teis poderían contar co dobre de presuposto para accións sociais, xa que reciben a día de hoxe 1.500 €.
No ámbito deportivo a nova bandeira feminina creada na parroquia de Chapela recibirá 9.000 euros e no ámbito cultura a asociación Xente Titiriteira pasará a recibir 56.000 euros anuais fronte aos 47.000 € que percibe nestes momentos para a organización do Festival Internacional de Títeres.