Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Feijóo anuncia en Redondela un incremento de 10 millóns nas contías que reciben os dependentes

RR_Noticias

O presidente galego visitou esta mañán a residencia de maiores de Cesantes, onde anunciou un aumento de entre un 10% e un 75% nas contías que reciben en Galicia 19.000 dependentes. As instalacións de Cesantes contan con 25 prazas no Centro de Día, cubertas na súa totalidade, e outras 21 residenciais, das que están ocupadas 15.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou esta mañán a residencia de maiores de Cesantes, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, o alcalde de Redondela, Javier Bas e o goberno local ao completo. O rexedor agradeulle a Feijóo “o compromiso con Redondela”, tanto pola posta en marcha da parte residencial do centro como por outros proxectos que a Xunta desenvolve no municipio, como os Obradoiros de Emprego ou a futura Escola Infantil de Chapela. Ao tempo, lamentou “a falta de colaboración doutras administración” e fixo mención expresa á Deputación de Pontevedra. Pola súa banda o presidente autonómico amosouse “satisfeito” de poder visitar as instalacións de Cesantes “que contan coas máximas prestacións”, como sala de fisioterapia e ximnasio, sala de usos múltiple “e un amplo xardín adaptado con case 1.500 metros cadrados con vistas á ría”. Núñez Feijóo aproveitou a visita para anunciar unha achega de 10 millóns de euros anuais para incrementar as contías que reciben 19.000 dependentes: un 10% para aqueles que son coidados na casa por unha persoa da súa contorna; un 15% para aqueles galegos con discapacidade e que dispoñen dun asistente persoal; e, ás persoas que contan cun apoio económico para pagar unha praza de residencia da súa elección incrementarase un 20% a contía para as dependencias de grao I e III, e un 75% para as dependencias de grao II. Feijóo destacou que a Xunta seguirá traballando para que os galegos de máis idade “gocen dunha atención da máxima calidade, alí onde o desexen”. Actualmente o servizo de Axuda no Fogar dá apoio a máis de 23.000 galegos; o programa Xantar na casa leva menú diario a máis de 1.300 maiores; e triplicouse o número de prazas públicas de centros de día, superando as 3.300. De xeito paralelo, Feijóo precisou que, nestes últimos 10 anos incrementouse nun 42% o número de prazas públicas de residencias de maiores, ata chegar hoxe a máis de 7.900. E, no que vai de lexislatura puxéronse en funcionamento varios centros públicos, entre eles o de Cesantes, en Redondela, que se suma a outros en Curtis, Pobra do Caramiñal, Maceda, Cambados, Arteixo, Vilardevós e Paradela. Convenio co Concello O centro de maiores de Cesantes, inaugurouse en xaneiro de 2017 con 25 prazas para Centro de Día, que están cubertas na súa totalidade. Desde setembro do pasado ano conta tamén con 21 prazas para residentes, das que están ocupadas 15. Desde o Concello de Redondela negociouse un convenio coa consellería de Política Social para que 5 das prazas vacantes queden a disposición dos Servizos Sociais municipais. A concelleira Carmen Amoedo explica que o acordo será levado ao pleno do próximo xoves, dia 28, para que estas prazas queden reservadas para veciños de Redondela.

Alberto Núñez Feijóo presidente da Xunta.
As instalacións de Cesantes contan con 25 prazas no Centro de Día cubertas na súa totalidade e outras 21 residenciais das que están ocupadas 15.
Javier Bas alcalde de Redondela
O rexedor agradeulle a Feijóo "o compromiso da Xuntaq con Redondela".
Convenio co Concello
A concelleira Carmen Amoedo anunciou que levarán ao pleno deste mes un convenio coa Xunta para algunhas prazas da residencia sexan reservadas para veciños de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará