Un milleiro de persoas secundaron a protesta convocada polas asociacións de veciños de Chapela e Teis para esixir unha vez máis a eliminación da peaxe en Cabanas e a realización das obras da adenda comprometidas por Fomento. “Se poden retirar a momia de Franco tamén poden sacar este morto de peaxe” aseguraba o presidente da asociación de Chapela quen insistía en que o actual goberno non pode escudarse na convocatoria de eleccións para non cumprir os seus compromisos coa parroquia.
A marcha, na que participaron ao redor dun milleiro de persoas encabezados polos representantes veciñais, percorreu os máis de dous quilómetros e medio que separan a zona de Torres de Padín da rotonda da peaxe en Rande, lugar no que rematou a protesta ao redor das 20:00 horas cun manifesto dos convocantes. Ademais de reclamar a “inmediata eliminación da peaxe” lembraron outras demandas como a conversión en vía urbana do tramo da autoestrada entre Torres de Padín e o centro de Vigo e a colocación de pantallas acústicas tanto en Chapela como en Teis “obras sinxelas e baratas para o beneficio que aportan, que minimizarían a contaminación acústica que soportan os veciños e eliminarían o elevado tráfico pesado que cruza estas parroquias”. Insistían tamén en que no caso de que o actual goberno incumpra estes compromisos “esiximos que todos os partidos políticos os inclúan nos seus programas electorais”. Petición que escoitaban os representantes de todos os grupos presentes na corporación de Redondela xa que asistiron a esta marcha o propio alcalde do PP, Javier Bas, así como a candidata do PSOE, Digna Rivas ou o candidato do BNG, Xoán Carlos González. Tamén estaban presentes os candidatos de PP, Marea e BNG de Vigo así como o responsable da Asociación de Empresarios do transporte da Provincia de Pontevedra, Ramón Alonso.