A candidata do PSOE á alcaldía, Digna Rivas critica “que Redondela leve, dende decembro do 2017, sen un Plan Municipal de Igualdade e reclama “unha política de Igualdade “comprometida e transversal”. Critica tamén que dende hai seis meses o Centro de información á muller careza dunha das súas traballadoras por non terse cuberto esa baixa.
A importancia que o Goberno de Javier Bas lle dá ás políticas de Igualdade, explicou Digna Rivas, “queda demostrada polo feito de que Redondela leva, sen Plan Municipal de Igualdade, dende decembro do 2017”. Nestes momentos en que a loita pola igualdade é absolutamente necesaria para a convivencia social, apuntou Rivas, “o cuarto municipio da provincia en número de habitantes, carece dunha ferramenta básica, como é un Plan Municipal de Igualdade que, como moi pronto, non estará listo ata pasadas as eleccións de maio”.
As políticas efectivas a prol da Igualdade, asegurou a candidata do PSOE “van máis aló dunha concentración mensual contra a violencia de xénero ou minutos de silencio”. O Goberno do PP ignora que políticas de Igualdade efectivas, planificadas e coordinadas son o medio para conseguir que “no futuro non sexan necesarias nin concentracións nin minutos de silencio”.
Entende ademais a candidata socialistas que “a deixazón do Goberno de Javier Bas en politica de Igualdade fai preciso que colectivos, como a Asemblea Feminista Paxaretas, teñan que cubrir o oco baleiro que deixa o Concello á hora desenvolver iniciativas dirixidas a acadar unha sociedade igualitaria, feminista e xusta.
Denuncia neste sentido que o Centro de Información á Muller (CIM) que é unha ferramenta básica para a Igualdade “leva máis de medio ano sen cubrir á baixa da coordinadora, o que demostra un nulo interese do alcalde de Redondela polo seu funcionamento, pola importancia que ten este departamento ou polo benestar das súas usuarias”.