O acto institucional, que estaba previsto se celebrase na Praza do Concello foi trasladado á Praza de Alejando Otero, lugar no que se quixo homenaxear ás mulleres que forman parte dos once grupos de pandeiretas que funcionan en Redondela, un dos cales foi o encargado de poñer música ao evento. Os nenos e nenas do Colexio Vigo foron os encargados de ler o manifesto nun acto no que a lingua de signos estivo moi presente grazas ás mans dunha muller xorda que reivindicou unha maior inclusión para as persoas con discapacidade auditiva.
“O 8 de marzo é un día para defender a igualdade na rúa” en palabras da Concelleira da Muller, Teresa París quen estivo arroupada por todo o goberno local no acto institucional celebrado nesta ocasión na praza de Alejandro Otero. Exerceu a edil de mestra de cerimonias dando paso aos resto dos intervintes. Así, os nenos e nenas do Colexio Vigo eran os encargados de poñer voz ao manifesto institucional e participaron tamén mulleres que recitaron textos de Rosalía de Castro e Clara Campoamor. As mans de Tatiana foron as encargadas de transmitir en lingua de signos os problemas aos que se enfrontan as persoas xordas e máis concretamente “as mulleres xordas, que sufrimos unha dobre discriminación” polo que fixo un chamamento a educar aos nosos fillos e fillas “no feminismo, un movemento que loita pola igualdade”. Carmen Amoedo, tenente de alcalde, era a encargada de pechar o acto reivindicando a presenza de mulleres no goberno local “con postos de responsabilidade e asumindo concellerías tradicionalmente masculinas”. No seu discurso facía un chamamento a reflexionar sobre o papel das mulleres en Redondela neste século XXI e incidía no concepto “igualdade en positivo” concluíndo que “non debemos deixar de ser mulleres por querer reivindicar outro tipo de cuestións”.