Un total de 317 persoas animáronse a participar do referendo convocado polo Colectivo Republicano de Redondela este sábado. Redondela convértese así no primeiro concello galego en colocar unhas urnas para preguntar á cidadanía sobre as súas preferencias en canto á forma de goberno do Estado. Unha votación simbólica na que gañou de xeito contundente a república.
En total participaron coa súa papeleta 317 persoas das cales tan só 3 elixiron a monarquía. Houbo dous votos que defenderon unha república galega mentres que os 312 restantes marcaron a república como forma de goberno para o Estado.
Malia tratarse dunha consulta meramente simbólica moitos dos participantes si quixeron inmortalizar o momento fotografándose no instante no que introducían esa papeleta a favor da república nas urnas colocadas nos soportais do Concello.