Durante a xornada de hoxe permanecerá pechado ao tráfico o camiño do Subido e na rúa Penisal por mor das obras de mellora e acondicionamento do firme que se van realizar co obxecto de tentar mellorar a adherencia deste vial que presenta unha gran pendente. Unha actuación que en vindeiros días realizarase tamén na Subida das Ánimas e que vén atender unha demanda veciñal que levou incluso a presentar máis de 500 sinaturas por parte da Asociación de Veciños.
Veciños da zona viñan demandando dende hai meses que se acometese esta obra para evitar accidentes como o acontecido a semana pasada, cando unha grúa esvarou e levou por diante dous vehículos estacionados na Rúa da Estación. Alertaban os veciños do mal estado do firme que provocaba caídas dos peóns e accidentes de tráfico nunha rúa moi empregada ao comunicar a zona alta e baixa da parroquia.
De cara a corrixir esta situación a obra consistirá na mellora do firme coa realización dun microfresado que permita un acabado máis rugoso do firme que mellorará a súa adherencia, evitando así o esvaróns nos días de chuvia.
Para realizar esta actuación dende a policía local advirten que o tráfico no Camiño do Subido e na rúa do Penisal permanecerá pechado durante todo o día, dende as 8:00 ata as 20:00 horas. Mañá as obras trasladaranse á Subida das Ánimas, que tamén se verá afectada polo corte de tráfico.