A iniciativa do BNG para recuperar a vella escola de Moreira e convertela nun centro para maiores foi aprobada polo pleno no día de onte. A proposta propuña que se recuperase esta escola, que na actualidade se atopa en estado de abandono, para darlle contido social, centrándose nas necesidades dos maiores.
O portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo destacou que a reforma pódese levar adiante grazas aos fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e salientou que con esta reforma, a vella escola poderá ser empregada tanto para usos sociais e pequenas xuntanzas como un espazo para que os nosos maiores poidan compartir tempo e coidados.
Manu Lourenzo quixo destacar o esforzo e o empeño da concelleira do BNG, Charo Bouzón tanto á hora de levar adiante esta iniciativa como á hora de reunirse con varios axentes sociais que lles trasladaron esta demanda. Unha obra que confía será iniciada no vindeiro mandato.
Tamén se aprobou na sesión unha axuda de 15.000 euros para a confraría de Arcade, que se investirá na compra de semente de ameixa así como solicitar ao goberno a retirada do aumento das cotizacións aos traballadores do mar á Seguridade Social. Deste xeito, o concello de Soutomaior únese ás protestas do sector pesqueiro sobre o aumento destas cotizacións que no caso das mariscadoras supón un incremento dun 25% ao subir a cota dos 194 aos 240 euros sen ningún tipo de contraprestación a cambio de dita suba.