O Convento de Vilavella foi o lugar elixido por la candidata socialista Digna Rivas para dar a coñecer oficialmente a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras elección co obxectivo de arrebatarlle a alcaldía ao PP. Un acto que, de feito, converteuse nunha crítica ao goberno de bas e ás políticas do PP.
Logo de presentar aos compoñentes dunha lista formada, subliñou, “por homes e mulleres convencidos da necesidade dun cambio que faga que Redondela mire ao futuro con esperanza, homes e mulleres que entenden a política como sempre a entendemos dende o Partido Socialista, como unha vocación de servizo á cidadanía e como un medio de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas” salientou que o seu obxectivo é rematar “dunha vez por todas, coa política clientelista dun goberno do PP que vende os servizos públicos como favores, servizos que son un dereito da veciñanza e non un favor que lles fai o alcalde”.
Digna Rivas estivo acompañada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva que definiu á candidata como “muller de fortes principios, intelixencia e ideas” e precisou que “Redondela precisa unha candidata que pense nas demandas, soños e necesidades das redondelás e redondeláns” e non como aconteceu co actual alcalde do que, afirmou a presidenta, “actuou como o «pistolero» de Feijóo”.
Digna Rivas pechaba o acto asegurando que para rematar “coas políticas estériles e caciquís do PP” só había un xeito: “encher as urnas de rosas, de rosas socialistas, tanto o 28 de abril, para que Pedro Sánchez sexa de novo no noso presidente do Goberno coma o 26 de maio para que Redondela, por primeira vez, teña unha alcaldesa socialista”.