A escritora, tradutora e docente permanecerá na memoria de Redondela a través da biblioteca de Chapela, á que xa lle dá nome. A súa faceta como poetisa, como docente e nai foron destacadas no acto oficial no que participaron familiares e compañeiros de profesión, logo de que Arias (1962-2003) fora a proposta escollida entre as dezaseis presentadas para darlle nome á biblioteca da parroquia.
Unha escolla que contou coa unanimidade e apoio da mesa de expertos encargada da elección como subliñaba a concelleira de Cultura, Teresa París, quen destacaba a “profunda vinculación da poetisa “coas letras, con Chapela, e coa xuventude” polo labor docente que exerceu no instituto desta parroquia. O director do centro, Miguel Pérez, lembraba o breve paso de Arias polo instituto, tan só un curso facendo unha substitución, pero suficiente para conseguir a afinidade dos seus alumnos e unha profunda pegada grazas aos valores que transmitía de “solidariedade, xustiza e liberdade”. Pero antes de mestra, Xela Arias, foi editora e unha das fundadoras da editorial Galaxia. Así o explicaba o seu compañeiro Manuel Bragado, que rememoraba non só o seu traballo como editora, senón tamén como tradutora e autora de obras coma “Tigres coma cabalos”, unha das máis recoñecidas, “Intempériome”, a súa última publicación, ou “Darío a diario” dedicada ao seu fillo. Precisamente el foi quen agradeceu este recoñecemento e amosaba a ledicia da familia por escoller a Xela Arias para darlle nome á biblioteca o que “permitirá seguir mantendo viva a súa lembranza”. Un acto que pechaba o alcalde de Redondela, Javier Bas, quen facía fincapé na importancia deste tipo de actos para pór en valor ás persoas vinculadas ao concello que se implicaron para que Redondela crecese e sexa o que é hoxe en dia. Un camiño que comezaba coa Alameda Rosalía de Castro de Chapela, o pavillón Manuel Soto ou o parque infantil Blanco Amor. Os actos de homenaxe á poeta continuarán nas vindeiras semanas coa inauguración dun mural cun dos versos de Arias feito polos alumnos do IES de Chapela.