“Cunha actuación branda gañaríase un espazo que se debe converter en porta de entrada dunha Redondela concibida para uso e goce das persoas” afirma o candidato á alcaldía, Xoán Carlos González, quen propón que a zona se humanice restrinxindo o tráfico de vehículos procedente do Porriño, que accederían pola rotonda de Vilavella, e poñendo en valor o conxunto etnográfico formado polo cruceiro, peto de ánimas e a fonte da praza.
A cesión por parte da Xunta de Galiza da Praza de Ponteareas, ata hai pouco pertencente ao ministerio de Fomento, constitúe para os nacionalistas unha oportunidade de “gañar espazos para as persoas, humanizando as contornas urbanas”. Con obxecto de recuperar para a cidadanía este antigo cruce da N550 en Vilavella propoñen que se restrinxa o tráfico de vehículos procedente do Porriño, que poderían acceder pola rotonda de Vilavella, mantendo os viais para residentes, ” multiplicaríase por catro os espazos verdes para uso da veciñanza; nunha actuación de baixo custe económico mais de grande rendabilidade social” explica o candidato nacionalistas Xoan Carlos González.
“Non fai falla agardar a megaproxectos, para humanizar espazos degradados”, afirma o edil. Considera que o valor etnográfico e cultural desta praza recuperaríase, para converterse nunha porta de entrada a Redondela, moito máis atractiva e “amable” , recuperando este tramo do vial de entrada do Camiño Portugués, con milleiros de visitantes anualmente e no que o Convento de Vilavella ocupa un lugar preeminente.