A mostra, que enche as rúas e prazas da vila e inclúe unha exposición complementaria na Alameda de Chapela, permanecerá na rúa ata o vindeiro 5 de maio. Os organizadores decidiron prolongar a exposición unha semana máis, o que permitirá a veciños e viandantes achegarse a estas esculturas elaboradas con material de refugallo que buscan crear arte a partir do lixo e reflexionar sobre o medio ambiente, o consumo e o tratamento dos nosos residuos.
Logo do pistoletazo de saída que supuña a recollida de lixo celebrada na mañá do domingo na praia de Cesantes, recollida que se saldou con 113 kilos de lixo retirados do areal en menos de tres horas por medio cento de persoas, chega agora a exposición de todas as obras presentadas nesta edición. Preto dun cento de esculturas máis ou menos elaboradas e realizadas por colectivos, asociacións, persoas a nivel particular e centos educativos que están a seren colocadas en rúa e prazas , lugar no que permanecerán ata o vindeiro 5 de maio para que todos reflexionemos sobre o lixo que producimos, sobre a posibilidade de darlle un novo uso e sobre todo, sobre a necesidade de reducir a nosa pegada ecolóxica. Este ano a organización traballa na creación dun servizo de “visita guiada” polas obras máis representativas para colectivos e centros educativos o luns 22 ás 18h. Xusto antes, ás 17h, terá lugar unha nova pintada de “poesía para peóns”: versos para viandantes. As 19h tamén haberá unha proxección de vídeos no Multiúsos da Xunqueira, en colaboración con Andaina dentro do VII Festival Internacional de Curtametraxes e Diversidade Funcional. Ao longo da semana, o venres 26, tamén se levará a cabo a solta do Cabalo Enteiro (obra indultada na edición 2014 do Artelixo) no monte de Ventosela, en colaboración coa Comunidade de Montes e do CEIP de Reboreda e a EEI de Ventosela. Este cabalo é obra o escultor mosense Carlos Graña. O día grande será o sábado 27 coas propostas de poesía do Parnalixo que contará coa presenza da poeta e xornalista, Ana Romaní, os tradicionais obradoiros de Artelixo “Obralixo” para nenos, a partir das 18h na Alameda de Redondela, e á noitiña, a partir das 20h o Sonalixo mesturará novamente literatura e música no Sonalixo, que se celebrará nas Casas dos mestres. O ArteLixo está organizado polo colectivo Artelixo coa colaboración da asociación Millo Verde, a asociación de veciños de Chapela e a plataforma SinhaPACA.