O club organizou unha xornada de homenaxe para o que fora xogador do C.D. Choco e tamén do Ferrol. O redondelán, de 77 anos de idade, fará o saque de honra no partido que mañá sábado enfrontará aos dous equipos en Santa Mariña. O C.D. Choco tamén terá un recoñecemento para o seu curmán, Germán Muíños, que tamén fora xogador nos dous equipos, e que por problemas de saúde non poderá acudir ao encontro.
Carlos Muíños Reboredo (Redondela, 17/08/1941) xogaba na demarcación de dianteiro. Comezou en varios equipos infantís de fútbol en Redondela, ao tempo que practicaba outros deportes como natación ou waterpolo, chegando a ser campión galego dos 200 bolboreta en 1957. En 1955 pasou a formar parte do equipo xuvenil do CD Choco, co que participou no campionato de España de 1957. Ese mesmo ano acadou o subcampionato galego de afeccionados co equipo sénior do club. Tras un ano no Zeltia de Porriño en 1960 fichou polo Celta, pero saiu cedido ao seu club de orixe, o Choco CD, na Terceira División. En 1962 fichou polo Pontevedra CF, co que acadou o ascenso a Primeira División. En 1964 pasou ao Racing de Ferrol, no que militaría durante cinco tempadas para rematar logo a súa carreira deportiva no CD Choco. “Dula” fará o saque de honra no partido que enfrontará mañá aos que foron os seus dous equipos, encontro ao que o Ferrol chega como líder, co Choco buscando o “play off” de ascenso. O encontro será en Santa Mariña ás 17.00 horas.