Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela, bronce no Campionato de España de Bateis

RR_Noticias

As embarcacións galegas fixéronse con 11 medallas na competición estatal, unha delas para o batel cadete masculino do C.R. Chapela, que se alzou con ese terceiro posto por detrás doutros dous galegos, Muros e Ares. Agora preparan con ilusión a temporada de traiñeiriñas, que comeza mañán mesmo en Coruxo coa III Regata Traiñeiriñas Remeir@s de Vigo.

O club redondelán de Chapela acadou o podio na final do Campionato de España de Bateis disputado en Vigo o domingo. Non estivo nesa final o batel feminino cadete, que quedou fóra nas clasificatorias do sábado nunha xornada negativa na que o forte vento e os nervios penalizaron as rapazas do C.R.Chapela, actuais campioas galegas. O batel cadete de nenos, pola súa banda, fixo unha magnífica proba nunha final “de infarto”. Pola última baliza pasaron Muros, Chapela e Ares cunha diferenza de dous segundos, e a recta final foi emocionante. Finalmente gañou o barco da Ría de Muros-Noia por diante de Ares e Chapela, como xa acontecera no Campionato Galego. Rematada a temporada de bateis, o club redondelán fai un balance moi positivo desta campaña, na que destacaron como unha das mellores canteiras do remo galego. O presidente, Julio Prado, salienta que son máis de cen os nenos e nenas con ficha no club, o que supón “un enorme traballo pero tamén unha gran satisfacción”.  Liga de Traiñeiriñas Agora, sen tempo para gozar das vitorias nin lamentarse das derrotas, o club prepara a temporada de traiñeiriñas, que comeza mañá mesmo en Vigo. Unha liga na que competirán con tres barcos: xuvenil e sénior masculino, e absoluto feminino. A primeira cita é mañá mércores ás 11.00 horas en Coruxo coa III Regata de Traiñeiriñas Remeir@s de Vigo, e na fin de semana chegarán dúas regatas máis, o sábado coa I Bandeira de Traiñeirias Festa do Albariño, en Cambados, e o domingo a cita é en Tirán. O domingo arranca tamén a temporada de veteranos, coa participación da traíña do C.R. Chapela.

Julio Prado presidente do C.R. Chapela
O club fai un balance moi positivo desta campaña de bateis na que destacaron como unha das mellores canteiras do remo galego.
Bronce no Campionato de España
O batel de cadete masculino fixo unha gran regata indo de menos a máis ao longo da temporada.
Liga de Traiñeiriñas
A liga comeza mañá en Coruxo e na fin de semana hai dúas regatas en Cambados e Tirán.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará