A Concellería de Medio Ambiente ven de instalar unha barreira flotante na desembocadura do río co obxecto de que todos os plásticos que chegan ao Alvedosa non acaben no mar, evitando así o conseguinte dano mariño que causa este tipo de material. Malia tratarse dunha instalación de pequeno tamaño a súa colocación non foi doada debido ás correntes que operan neste tramo final do Alvedosa.
Hai tan só uns días que esta barreira, que tivo un custe de 3.000 euros, está instalada na desembocadura do río á altura do Campo da feira e xa foi necesario proceder a recollida do plástico que baixaba pola canle do Alvedosa. Unha estrutura de pequeno tamaño na que se quedan enganchados estes plásticos evitando así que cheguen ao mar uns residuos de difícil eliminación e que acaban sendo inxerido polos peixes. O concelleiro de medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, explica que non foi doado atopar unha empresa que realizara este tipo de insfraestrutura “levamos máis dun ano traballando nisto”. Tamén tivo a súa dificultade decidir onde colocala xa que había que buscar un espazo de fácil acceso para logo proceder a retirada dos plásticos, ao tempo que o agarre sexa o suficiente como para evitar que a barreira sexa arrastrada polas correntes cando sube e baixa a marea. Unha iniciativa en periodo de proba que confía o edil favoreza a conservación dos nosos mares.