A limpeza realizada na fin de semana tanto na beira como na propia canle do río, no tramo que vai dende o Camiño da Fraga ata a senda da auga, contou coa participación de numerosos voluntarios que acudiron á chamada da asociación de veciños da parroquia. Unha xornada festiva pero tamén de traballo intenso que serviu para limpar e retirar plásticos, cascallos de obra e diverso material acumulado ao longo do río.
Lousas, cementos, ladrillos e diverso material de obra, botellas de plástico, bolsas, xoguetes, cristais e incluso un somier de cama e un asento dun coche. Toneladas de lixo que foron trasladadas a un contenedor e para cuxa retirada foi necesario un traballo intenso realizado por medio cento de veciños que de xeito voluntario decidiron participar desta recollida na contorna dun río que cruza a parroquia de Chapela.
A vicepresidenta da Asociación, Angeles Méndez, manifestaba o seu agradecemento a todos os que colaboraron, veciños da propia parroquia pero tamén da Comunidade de montes de Teis que, ademais de participar nas labores de limpeza, cederon unha furgoneta para o traslado do lixo recollido.
Unha limpeza que se centrou nun tramo de menos dun quilómetro e no que foi necesario empregarse a fondo para retirar todo o lixo acumulado, o que da conta da relevancia deste tipo de iniciativas, tanto polo seu efecto directo de cara a limpar os espazos naturais, como pola labor de concienciación e sensibilización que se realiza ao denunciar a falta de concienciación que aínda existe entre unha parte da poboación, que usa o espazo de todos para depositar uns restos que deberían ir directamente aos contenedores.