Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O programa de conciliación de verán oferta 300 prazas en once parroquias

RR_Noticias

Dende o 15 ao 31 de maio está aberto o prazo de inscrición para poder optar a unha das 300 prazas que oferta a Concellería de Igualdade a través do programa municipal de conciliación “Verán con Simona”. Un programa orientado a nenos e nenas de 3 a 14 anos e que se vai desenvolver en once parroquias do concello entre o 1 e o 31 de xullo.

As actividades desenvolverán en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas nun total de once parroquias. Así, os interesados poden elixir entre o Centro Cultural de Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chan das Pipas en Saxamonde ou Vilar de Infesta. Tamén se impartirá este programa na Asociación Cultural de Cidadelle e no Multiúsos do Piñeiral, na parroquia de Chapela, na Asociación de veciños de San Esteban de Negros, na antiga escola de Tuimil no Viso, na Sociedade Labrego cultural de Reboreda, na Asociación deportivo Cultural A Miñoteira en Ventosela, e en Redondela, tanto no Multiúsos da Xunqueira como en Pousadouro. En total, 300 prazas, incrementándose así o número de prazas do ano pasado.
O principal obxectivo desta actividade é promover a conciliación da vida familiar e laboral nas familias do noso concello durante estas vacacións de verán, ao mesmo tempo que ofrecer a posibilidade de que as nenas e os nenos dispoñan dun espazo lúdico alternativo neste período de vacacións. Continuando coa liña de traballo do Programa Municipal de Conciliación, ademais das actividades lúdicas e de ocio, os rapaces e rapazas poderán gozar tamén con actividade física lixeira.
Este Programa, ao que hai que inscribirse previamente, ofértase para menores de 3 a 14 anos, cuxa nai ou pai teña unha antigüidade no empadroamento no concello de Redondela de como mínimo 1 ano. Para menores con necesidades educativas especiais se avaliará cada solicitude de maneira individual.
Para poder participar é preciso presentar no Rexistro xeral do Concello en Redondela ou Chapela a ficha de solicitude de participación e documentación anexa, que se pode descargar da páxina web do Concello ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM).
O prazo de inscrición abríase este mércores 15 de maio e remata o venres 31. Para máis información podédesvos dirixir ao CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2, ou chamando ao 986 40 80 43.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará