A inminente fin da actividade lectiva no CEIP Igrexa debe aproveitarse segundo o candidato nacionalista, Xoán Carlos González, para reconverter esta instalación nun Espazo Multicultural. Entenden no bloque que unha vez a actividade escolar se traslade ao novo colexio, este espazo de preto de 2.000 metros cadrados podería ser aproveitado para dar servizo ás numerosas entidades culturais que funcionan en Chapela.
“Dende o Concello temos que estar atentos a todas as oportunidades que xurdan para satisfacer en igualdade as demandas dos colectivos culturais. Neste momento grupos de música e baile tradicional, agrupacións de teatro, corais, que mobilizan a centos de persoas, desenvolven a súa actividade en condicións ben precarias”, afirma o edil do BNG.
Lembra o nacionalista, que esta proposta xa fora defendida polo seu grupo a través dunha moción presentada en setembro do 2017 “proposta na que se instaba ao alcalde a negociar con AUDASA e Fomento, a cesión do edificio escolar. Malia que non contou co apoio do resto dos grupos, na conformación do novo goberno municipal poremos todo o noso empeño para cedelo e pode crear un novo equipamento cultural”, afirma o edil nacionalista.
Propoñen tamén que este novo Espazo Multicultural leve o nome “Sesé Mateo”, vítima de violencia machista, asasinada en Chapela a mans da súa exparella hai máis de dous anos. “Activista cultural, sindical e comprometida cos movementos sociais, singularizaríase neste espazo educativo, un entorno que simbolizaría a loita do conxunto da sociedade contra o feminicidio”.