Mitins e actos festivos para pechar unha intensa campaña que se resolverá o vindeiro domingo. Logo de que o BNG pechara a campaña cun mitin na Alameda de Redondela, hoxe serán PP, PSOE, AER, Unidas Podemos e Ciudadanos quen poñan o punto e final con actos en diferentes puntos de Redondela e Chapela.
O PP celebra esta tarde ás 19:00 horas na Alameda Castelao o seu mitin de peche de campaña nun acto no que contará co apoio do presidente provincial do PP, Alfonso Rueda. A continuación organizan unha festa fin de campaña na Alameda de Chapela a partir das 20:30 horas amenizada polo grupo 3.com.
Pola súa banda, o PSOE estará na mañá de hoxe a partir das 12:30 horas, nunha carpa instalada diante do Centro de Saúde de Chapela para conversar cos veciños que queiran achegarse. Xa pola tarde, ás 19 horas, Digna Rivas continuará cos encontros veciñais, desta volta no Paseo Marítimo de Chapela para, dúas horas máis tarde, ás 21 horas, participar na cea mitin de peche de campaña que terá lugar no Convento de Vilavella, en Redondela, no que tamén participarán a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
AER elixiu a Casa da Torre para celebrar unha festa na que haberá xogos, obradoiros e música dende as 17:00 ata a medianoite.
Unidas Podemos celebra un peche de campaña festivo, será ás 20:00 horas na Praza da Constitución coa música de Severino Fervenza.
A candidata de Ciudadanos, Paqui Canal, elixiu Chapela para poñer o punto e final a esta intensa campaña electoral. Será ás 19:30 horas no Multiúsos do Piñeiral.