O BNG en Soutomaior quedou a tan só 43 votos do PP, resultado que permite aos populares manter a alcaldía e que relega á formación que lidera Manu Lourenzo a unha oposición en solitario, xa que o PSOE non foi quen de facerse con ningún representante. “Hai 300 persoas máis que votaron polo cambio en Soutomaior mais non puido ser. Nos imos seguir traballando con enerxía para demostrar que o BNG é unha forza transformadora, que é o que piden os veciños”.
Lourenzo recoñece que acudían a estes comicios con “expectativas de gobernar”pero que a lei electoral fixo que malia que o pobo de Soutomaior votou cambio, finalmente a maioría foi para o PP. Entenden que gran parte da responsabilidade tena o PSOE “que non fixo os deberes” e quedou a sete votos de acadar concelleiro. O BNG estará polo tanto na oposición aló menos catro anos máis. Con todo, Lourenzo insiste en que “o pobo de Soutomaior deulle un apoio maioritario ao noso proxecto e unha maioría da poboación votou cambio, malia que a carambola electoral impida que ese cambio se consolide”.