As mostras de dor, pésame e solidariedade sucédense dende que se coñecera a tráxica noticia que conmocionaba onte Redondela, un accidente de tráfico que deixaba tres falecidos e dous feridos graves todos eles de tan só 17 e 18 anos. A dirección do instituto Mendiño, centro no que estudaban os mozos, suspendía hoxe as clases e xa comunicou que mañá venres non haberá actividades lectivas aínda que o centro permanecerá aberto para os alumnos e alumnas que desexen ir. Tamén moitas mensaxes de dor dende o ámbito deportivo, xa que dous dos falecidos militaban en equipos de fútbol sala da provincia, Sofía no Cidade Pontevedra FS e Bieito no UD Nespereira.A piscina municipal súmase ao loito oficial decretado polo Concello e non abrirá as súas portas nin hoxe nin mañá.
“A Real Federación Galega de Fútbol – Futgal traslada o seu máis sentido pésame á familia e amigos de Sofía PF, xogadora do Cidade Pontevedra FS, e de Bieito LR, xogador da UD Nespereira, dous dos tres mozos que perderon a vida onte nun tráxico accidente de tráfico en Vigo. Desexamos unha pronta recuperación aos feridos” esta é unha das innumerables mensaxes de pésame que se suceden nas redes sociais e que lembran aos tres falecidos no accidente de onte Sara, Sofía e Bieito.
Unha vila conmocionada que confía na recuperación dos dous feridos que están hospitalizados, o condutor ingresado na UCI do Hospital Cunqueiro mentres que o copiloto, recupérase en planta no hospital de Fátima.
Ademais da consternación no Instituto Mendiño, onde cursaban os seus estudos os falecidos, tamén outros centros educativos sumáronse ás mostras de pésame e cariño, como o Illa de San Simón, cuxo alumnado e profesorado gardaba as doce do medio día un minuto de silencio.