Intensa programación literaria e festiva en Redondela a partir deste xoves co gallo da celebración da Feira do Libro. Dende o xoves e ata o domingo, os amantes da literatura poderán gozar de diferentes actividades como as presentacións literarias, charlas, concertos e a exposición “As nosas letras de Muller a Muller” da artista compostelá Mareiras. Os libros poderanse adquirir nas casetas das oito librerías participantes cun desconto do 10%.
Nesta edición estarán presentes as Librarías Pedreira, Cortizas, Lafer, Terra, Don Papel e Libraría Cartabón así como as redondelás Libraría La Imprenta e Libraría Moliere. Unha Feira a de Redondela enmarcada dentro do programa das Feiras do Libro de Galicia que organiza a Federación de Librarías galegas coa colaboración da Xunta, a Deputación e o Concello.
A feira terá lugar do 6 ao 9 de xuño na Alameda nun horario de 11,00 a 14,00 h. e de 17,00 a 21,00 h agás a fin de semana que a feira abrirá ás 12,00 h. de xeito ininterrompido ata as 21,30 horas.
A Inauguración terá lugar este xoves dia 6 ás 19,30 h con pregón a cargo de Elba Pedrosa e posterior coloquio no que participará a pregoeira, e a artista Maria Eiras (Mareiras) cuxa exposición “As nosas letras de Muller a Muller” tamén poderá verse durante os días da mostra.
O lema das Feiras deste ano “Máis que palabras”, é unha pequena homenaxe a Antón Fraguas. Con esta frase quérese destacar como a través da obra do escritor podemos coñecer a riqueza da nosa terra,amosando as características do mundo rural, os mitos e lendas galegas e a riqueza da nosa cultura.
A música folk do grupo O Fiadeiro será o encargado de pechar a edición deste ano cun concerto o domingo ás 19:30 horas na Praza da Constitución.