O alumnado amosou o traballo realizado durante todo o curso a pais e nais que se achegaron a visitar o centro durante estes dous días nos que se desenvolveu a II Feira da Ciencia e tecnoloxía no colexio de Reboreda. En total 16 stands e visita de máis de 300 escolares doutros centros da bisbarra que se sumaron a esta celebración na que se prestou especial atención ás mulleres científicas co obxecto de “facer visibles ás invisibles”.
Durante o curso que está a piques de rematar, os alumnos do colexio de Reboreda traballaron arreo nun proxecto de física e química que se traduciu en diferentes experiencias. Durante dous días, este luns e martes, os nenos e nenas, dende os máis cativos de tan só 3 anos ata os maiores, amosaron todo o aprendido nunha feira de ciencia e tecnoloxía aberta a pais e nais pero tamén á participación doutros coles da bisbarra. Así, recibiron a visita de alumnado do Colexio de Santa mariña, Ventosela, Cedeira, Quintela e Alexandre Bóveda que se achegaron como público pero tamén con proxectos propios. “A táboa periódica que cumpre 150 anos, a robótica, experimentos sobre o ADN ou experimentar coas máquinas simples” foron algunhas das propostas ás que se achegaron alumnos e visitantes segundo nos explicaba Verónica Camiña García, coordinadora da feira “que foi iniciativa dos propios rapaces e rapazas e que naceu con vocación de continuidade”. Un xeito diferente de aprender e de despedir o curso neste colexio de Reboreda que contou tamén coa visita dun centro de Teo co que manteñen unha relación intensa durante todo o ano a través de videoconferencia.