A Asociación ARPE (Asociación Rande patrimonio Europeo) celebra este venres ás 20:00 horas no Meirande unha reunión aberta para darse a coñecer e buscar apoios, contribucións e ideas para lograr o seu obxectivo: un Selo de Patrimonio Europeo para o conxunto patrimonial que existe no litoral do estreito de Rande. Un conxunto que abarca os elementos visibles neste espazo como o cargadoiro de Cotto Wagner, o cargadoiro de mineral ou os restos da fortaleza, pero tamén outros tesouros agochados, como os barcos afundidos no estreito de Rande “un dos maiores xacementos de pecios subacuáticos do mundo”.
A adquisición deste “Selo de Patrimonio Europeo” para o Estreito de Rande e os seus terreos próximos serviría, segundo explica un dos seu promotores, o arqueólogo Xurxo Constenla, “como un medio de promover e preservar os bens culturais, os monumentos, os enclaves naturais ou urbanos, incluíndo calquera patrimonio inmaterial, tanxible e intanxible, contemporáneo e tradicional, e os lugares que desempeñan unha función esencial á hora de comprender a memoria e a historia europea”. Quedaría así protexidos espazos emblemáticos como a fortaleza de Rande, un dos últimos vestixios terrestres asociados coa batalla, o cargadoiro de mineral construídos hai practicamente un século, ou o cargadoiro de Coto Wagner “a última das grandes infraestruturas construídas en Rande, un gran cargadoiro de ferro con cintas transportadoras, construído entre 1960 e 1965 e pechado nos anos 70 coa crise enerxética mundial”. Pero tamén serviría para poñer en valor a “riqueza invisible” dese espazo, os 25 galeóns afundidos no estreito e que supoñen “un dos maiores xacementos de pecios subacuáticos do mundo”. Un Selo de Calidade que outorgaría a este espazo unha maior protección ante calquera tipo de ataque. Neste sentido apuntan como unha acción a curto prazo reunirse coa Autoridade Portuaria para coñecer cales son os seus plans para esta zona.