A praia de Cesantes prepárase para acoller esta fin de semana a II edición da Kitefest, unha celebración que contará cun completo programa de ocio e actividades completamente de balde e abertas a grandes e cativos. Ademais de exhibición a cargo de 60 participantes nas probas náuticas, haberá obradoiros para os nenos que poderán tamén dar as súas primeiras clases deste deporte, e música cun concerto a cargo dos grupos Agoraphobia e The Broke.
Un evento organizado por TMKiteclub e o concello de Redondela que busca promocionar unha praia moi valorada polas súas características que a converten nun espazo ideal para a práctica dos deportes náuticos, especialmente do Kitesurf. Cubertas xa as prazas para o que son as citas deportivas da fin de semana, con máis de medio cento de deportistas que competirán nas probas de regata e big jump, a organización lembra que o programa inclúe ademais actividades lúdicas e educativas para todos os públicos e idades, como paddel surf, kayak, bautismos de kite para nenos ou obradoiros de cometas. Unhas actividades que se desenvolverán durante todo o día na praia de Cesantes, tanto o sábado 6 como o domingo 7 e que non precisan de inscrición previa. A música estará tamén presente na tarde do sábado a partir das 18:00 horas cun concerto a cargo dos grupos Agoraphobia e The Broke.