A Asemblea Feminista de Redondela convoca ás 20:00 horas de hoxe luns unha concentración na praza do Concello para amosar o seu apoio á moza vítima dunha agresión sexual que supostamente tería acontecido no 2016 cando esta menor, de tan só 14 anos de idade, era agredida por seis homes nunha nave abandonada de Manresa durante unha festa.
“Non é abuso é violación” e “eu créote” son os dous lemas que emprega o colectivo feminista de Redondela para facer un chamamento a veciños e veciñas para que se manifesten na tarde de hoxe en apoio a moza vítima desta agresión e denunciar unha petición de pena por parte da fiscalía que fala de abuso e non de violación. Lembramos que a Fiscalía pide penas de 10 a 12 anos de prisión para seis dos acusados por un delito de abusos sexuais, mentres que para o sétimo, que non tería participado directamente na agresión pero si a presenciou masturbándose e sen socorrer á vítima, solicita unha multa. Os colectivos de mulleres reclaman que a cualificación do delito sexa modificada e elevada a agresión sexual. “Claramente cando 6 homes te acurralan e te agriden sexualmente estamos a falar de violación” explica Pili Díaz de Paxaretas quen non entende que novamente se volva cometer a inxustiza que xa cometera a primeira das sentencia no caso de La Manada de San Fermines, sentencia que recentemente era corrixida polo Tribunal Supremo e confirmaba unha condena por violación para os implicados.