A chuvia obrigou a pasada semana a atrasar as actividades programadas ao airte libre por parte da concellería de Cultura de Soutomaior. Mañá mércores estará no Campo de San Benito Inventi Teatro con “A tropa do doutor Milagre”. O venres, día 16, celebrarase a Festa da Familia no peirao de Arcade.
O Campo de San Benito en Romariz, Soutomaior, acollerá mañá mércores o espectáculo da compañía Inventi Teatro, coa obra “A tropa do doutor Milagre”, un explosivo espectáculo de rúa onde grandes e pequenos poderán probrar de primeira man os “efectivos” produtos do Doutor Milagre. Este aloucado médico/inventor farase cun vello autobús para convertelo “nun auténtico show da venda ambulante”. Música, improvisación, xogo, baile, comedia, diversión e moito máis será o que atope o público neste delirante espectáculo de rúa para toda a familia. Será ás 20.30 horas. Festa da Familia A chuvia tamén obrigou a aprazar a Festa da Familia, prevista para o xoves da pasada semana, e que se celebrará este venres, 16 de agosto, de 17.00 a 20.00 horas, con inchables, tobogáns de auga e a festa da escuma.