Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un Entroido de Verán para todos “pola igualdade, a diversidade e a inclusión”

RR_Noticias

A multitudinaria festa que se celebra este sábado en Redondela pretende ser unha xornada de diversión “para todos, na que ningún sector da sociedade quede excluído”, explica a alcaldesa Digna Rivas. Haberá un punto de información “Morado” e outro “Arco da Vella”, espazos reservados para persoas con mobilidade reducida e intérpretes de Lingua de Signos.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, presentou esta mañán o Plan de Igualdade, Inclusión e Diversidade Sexual e de Identidade que se pon en marcha no Entroido de Verán que se celebra este sábado en Redondela. Ademais do “Punto Morado” que se instalará diante do Concello, esta edición inclúe como noviade o “Punto Arco da Vella” na praza da Casa da Torre. No Punto Morado haberá técnicas de Igualdade para informar, sensibilizar e atender posibles casos de acoso ou agresións, os mesmo servizos que se prestarán no “Punto Arco da Vella”, co que Rivas quere dar visibilidade á diversidade sexual e de identidade. Nos dous casos o servizo estará en funcionamento desde as 17.00 horas do sábado ata as 02.00 horas do domingo. O banco coas cores do arco da vella, actualmente instalado fronte á Casa do Concello, tamén se trasladará a ese punto na praza da Casa da Torre durante a festa, para regresar despois ao seu emprazamento. No Plan de Igualdade colabora tamén a Plataforma Feminista Paxaretas, de Redondela, co audio “Respecta. Non é non”, que poderá escoitarse antes de cada un dos concertos dirixidos ao público adulto. Neste caso son frases dirixidas aos agresores, nunha iniciativa que desde o Concello aseguran “vai chamar moito a atención do público” e co que pretenden cambiar as mensaxes das campañas contra a violencia machista “que sempre están dirixidas ás mulleres, que son as vítimas”. Neste caso “diríxese a mensaxe aos agresores, que son os homes”, explica Rivas Gómez. O plan que ten preparado o departamento de Igualdade, que dirixe a propia alcaldesa, contempla tamén a participación de intérpretes de Lingua de Signos en diferentes actividades. Para as persoas con mobilidade reducida haberá espazos reservados nos concertos, tanto na praza da Casa da Torre como no palco da Ribeira e o da Alameda Castelao. Ademais reducirase o volume da música nos obradoiros infantís de 18.00 a 19.00 horas para que poidan tamén participar deles rapaces con trastorno do espectro autista. Ante as críticas polo remate dos concertos ás 00.30 horas, desde a concellería de Cultura explican que malia que a esa hora rematan as actividades programadas polo Concello “a festa e a música continuarán coa oferta dos hostaleiros da vila, que teñen permiso para alongar o peche dos establecementos durante unha hora máis”.

Digna Rivas alcaldesa e responsable de Igualdade
A festa que se celebra este sábado en Redondela pretende ser unha xornada de diversión "para todos na que ningún sector da sociedade quede excluído".
Punto Morado e Punto Arco da Vella
No Punto Morado haberá técnicas de Igualdade para informar e atender posibles casos de acoso ou agresións. Os mesmo servizos que se prestarán no "Punto Arco da Vella" para dar visibilidade á diversidade sexual.
Asemblea Feminista Paxaretas
No Plan de Igualdade colabora a Plataforma Feminista Paxaretas co audio "Respecta. Non é non" que se escoitará antes de cada un dos concertos dirixidos ao público adulto.
Plan de Inclusión
Haberá intérpretes de Lingua de Signos. As persoas con mobilidade reducida terán espazos reservados nos concertos. Reducirase o volume da música nos obradoiros infantís de 18.00 a 19.00 horas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará