O parlamentario autonómico do PP critica ao concelleiro de Medio Ambiente “por culpar a outras administracións da súa falta de capacidade de xestión”. Pazos Couñago responde así ás declaracións de Roberto Villar, que apuntaba á illa de San Simón “como posible orixe da contaminación en Cesantes” que obrigou a desaconsellar o baño na praia os pasados días 9 e 10 de agosto.
O redondelán Pazos Couñago quixo contestar ás declaracións do edil de Medio Ambiente, que instaba á Xunta a revisar as instalacións da Illa de San Simón por ser “a posible orixe da vertedura” que motivou o izado de bandeira vermella na praia da Punta. O deputado popular sinala que a Xunta de Galicia “actuou coa máxima dilixencia, pero o Concello non”. Explica que cando o PP de Redondela contactou con Aqualia para obter información do verquido, descubriron “que ninguén os tiña alertado”. En canto ás instalacións da illa de San Simón, explica Pazos que son revisadas anualmente “e a última revisión ordinaria realizouse o pasado mes de maio, para garantir o seu correcto funcionalmente da cara a tempada de verán”. Engade que, cando a Consellería de Cultura e Turismo tivo coñecemento do incidente, encargou unha nova revisión “cuxo resultado foi que as instalacións continúan presentando un estado óptimo”. Pazos Couñago cualifica de “desleal” coa Xunta de Galicia e cos veciños a actuación do concelleiro Roberto Villar “ao insinuar que a responsabilidade é doutra administración, para tapar a súa propia incompetencia”.