O goberno local xustifica o atraso no comezo dos traballos este ano, por terse visto na obriga de convocar unha nova Mesa de Contratación logo da renuncia das empresas que tiñan que realizar os traballos. Rivas avanzou que a intención do seu goberno é que as rozas e limpeza de viais municipais se fagan dúas veces ao ano, en lugar dunha única actuación “para que os camiños estean en mellores condicións”.
A pasada semana comezaron os traballos de limpeza e roza das beiravías e camiños nas parroquias de Saxamonde, Quintela e Reboreda. Esta semana, a empresa encargada dos traballos comezou o desbroce nas parroquias de Ventosela, Cesantes e O Viso, e progresivamente no resto das parroquias do municipio. O expediente de contratación, cun custe total de 115.500 euros, dividiuse en 4 lotes diferentes e tramitouse polo procedemento aberto simplificado. O anterior executivo de Javier Bas inciara o expediente de contratación o pasado mes de maio, días antes das eleccións municipais, que estivo marcado “pola renuncia de varias empresas licitadoras, o que atrasou todo o proceso”, segundo explica a actual acaldesa, Digna Rivas. Esta situación obrigou ao Concello a celebrar unha nova Mesa de Contratación “cos conseguintes prazos legais e o atraso que supuxo nuns traballos de rozado e limpeza que terían que estar licitados con antelación”, critica Rivas, “e non esperar ata o mes de maio para iniciar os trámites”. A alcaldesa sinala que a tramitación debería ter comezado “no mes de marzo para que, unha vez realizado todo o procedemento legal, se puidera comezar cos traballos a finais de abril”. Rivas avanzou que a intención do seu goberno é que as rozas e limpeza de viais municipais, “se fagan dúas veces ao ano, en lugar dunha única actuación como acontecía ata o de agora, de xeito que as veciñas e veciños poidan contar cuns camiños en mellores condicións”.