A liberalización da peaxe na AP-9 entre Redondela e Vigo segue sen formalizarse malia o compromiso adquirido polo Ministerio de Fomento baixo a dirección do popular Íñigo de la Serna e que apuntaba a que esta taxa sería eliminada en xullo do pasado ano. Agora Audasa apunta a que esa liberalización só será posible no caso de ampliar o tramo da autoestrada que discorre entre Chapela e a cidade para poder asumir o incremento de vehículos que pasaría a empregar este vial unha vez fora de uso gratuíto.
Adianta así a empresa o seu interese en prolongar a ampliación da ponte, engadindo tamén un novo carril ao tramo urbano da AP-9. Aseguran dende a concesionaria que no caso de liberalizar a peaxe esta estrada experimentaría un incremento importante de tráfico o que provocaría un efecto de “funil” na entrada á cidade.
Unhas novidades que se deron a coñecer con motivo do premio que os responsables da obra de ampliación da Ponte de Rande recollían onte en Nova York. A xuízo da Asociación Internacional de Pontes e Enxeñería estrutural, a ampliación con dous novos carrís na AP-9 ao seu paso sobre a vía supuxo todo un fito, tendo en conta ademais que se trata da primeira ampliación dunha ponte atirantada en todo o mundo e que se realizou mantendo activo o tráfico na autoestrada entre as dúas beiras da ría.