A parroquia redondelá acolle este sábado dúas citas festivas que teñen como protagonista a música folk. Por unha banda, a Asociación Cultural Froles Mareliñas convídanos a vivir unha xornada de deporte, gastronomía e ritmos folclóricos na Alameda Rosalía de Castro de Chapela. O grupo folclórico Anaquiños tamén nos convida ao seu festival que terá lugar no Multiúsos do Piñeiral ás 19:30 horas.
A xornada arrancará xa ás doce do medio día con dúas mostras deportivas, unha de balonmán e outra de boxeo, citas ás que lle seguirá unha sesión vermú na que non faltarán as racións de mexillóns gratuítas apra todos aquel que se achegue. Posibilidade tamén de gozar dun xantar popular a base de churrasco a un prezo de 10 euros por persoa e, xa pola tarde, música coas actuacións do grupo de gaitas Froles Mareliñas, as gaitas de Cans de Palleiro, as pandereteiras Rexoubeiras e o grupo Airiños do Mar de Teis aos que se lles suma un grupo local Noutra Póla. Unha proposta da asociación Froles Mareliñas que coincide na data co Festival Folclórico do grupo Anaquiños malia que confían en que as actividade se complemente xa que neste caso a cita é ás 19:30 horas no Multiúsos. Os grupos participantes son El Cribero de Nava del Rey (Valladolid), o Grupo Etnográfico da Escola Preparatoria de Rio Tinto de Porto así como o propio Grupo Folclórico Anaquiños, que como organizadores do festival participan coas distintas seccións de baile, co grupo de gaitas así como o grupo de pandeireteiras.