Mías comercios implicados, máis iluminación e actuacións musicais en vivo para animar as dúas xornadas comerciais e festivas que se vivirán en Redondela na fin de semana dos días 28 e 29 de setembro. Para facilitar a participación, o tráfico permanecerá pechado dende a Praza da Farola ata o Campo da Feira durante o horario de apertura das casetas ubicadas nas rúas Ribeira, Xeneral Rubín e nas Prazas do Concello, a Constitución e Santiago. Os clientes poderán atopar todo tipo de produtos: fogar, moda, calzado, complementos… con descontos que van dende o 20 ao 70%.
Medio cento de comercios e locais de hostalaría súmanse este ano a Feira Anual de oportunidades que celebra a súa X edición apostando pola peonalización das rúas do centro urbano. Unha cita comercial que beneficia aos comerciantes que poden así desfacerse do seu stock ao tempo que supón unha oportunidade para os clientes, que poden adquirir produtos rebaixados que presentan descontos que van do 20 ao 70%. A decisión de restrinxir o tráfico durante o horario de apertura das casetas é unha das novidades que salientaba o presidente da Asociación de empresarios, Enrique Lago, media que entende “facilitará a participación dos veciños”. Apuntaba tamén a colaboración co novo goberno que se concreta en diferentes melloras, como un incremento da iluminación “tan demandado polos comerciantes en edicións anteriores”. Neste sentido, apuntaba o edil de cultura, Daniel Boullosa que “catro concellerías suman esforzos para mellorar o resultado da feira” destacando tamén dende o seu departamento a achega de dous concertos, La Chata Soul o sábado ás 13:00 horas e a banda de Música de Redondela o domingo pola tarde para “amenizar con música en vivo as dúas xornadas de ventas”. Dende a Asociación de empresarios salientan tamén as propostas orientadas a público infantil con obradoiros de bolsas de papel, de cociña e inchables así como a instalacións de “Espazos Gamer” a cargo de comercios participantes.