O Rodosa Chapela afronta con ilusión a temporada 2019-20, cun equipo ao que se incorporaron 11 novos xogadores. Logo da primeira vitoria na casa, preparan o partido desta fin de semana na Cañiza. O técnico recoñece que esta temporada non parten como favoritos en ningunha quiniela, pero advirte que o equipo “está a traballar moi ben para estar arriba na táboa”.
O equipo de Fran Teixeira comezou a liga cunha vitoria no pavillón Manuel González Soto. O Rodosa Chapela impúxose ao Ourense Carnes do Ribeiro nun partido no que comezaron sendo moi superiores. Malia que co paso dos minutos foise reducindo a distancia, os anfitrións conseguiron manter a vantaxe e facerse cos dous puntos. Son os primeiros dunha temporada que o técnico augura “moi dura e competitiva”. Entre os equipos que apunta como favoritos para o título de campión están o Lalín e o Xiria, que confeccionaron equipos de cara ao ascenso, pero tampouco se esquece de outros moi fortes como o Seis do Nadal, o Lanzarote ou o Cañiza, o seu próximo rival. Na lista de candidatos á fase de ascenso “ningúen aposta polo Rodosa Chapela”, recoñece Teixeira, pero advirte que malia que o equipo sufriu algunhas baixas importantes, teñen novas incorporacións que se están adaptando ao equipo, e “están a traballar moi ben para poder estar arriba”. O equipo reforzouse coa chegada de 11 caras novas, para completar un cadro cun total de 21 xogadores. Teixeira explica que deste xeito queren evitar os problemas da pasada temporada, cando nalgunhas ocasións quedaban “moi cortiños de persoal” por mor das baixas. Saeplast Cañiza-Rodosa Chapela Esta fin de semana xogarán no pavillón do Saeplast Cañiza, que perdeu o seu primeiro partido de liga en Lanzarote. Este dato non é significativo para Teixeira, que define ao Cañiza como un equipo de gran calidade que vai estar entre os mellores da temporada Xogarán o sábado 28, ás 18.00 no pavillón municipal da Cañiza.