A directiva da Asociación de veciños respira tranquila unha vez que a delegación provincial de Economía e Facenda recoñecera o erro de terlle requirido o cobro do catastro dun total de 34 propiedades das que esta asociación non é propietaria. Un erro que ascendía a máis de 20.000 euros, cantidade que se lle reclamaba ao colectivo veciñal en base aos recibos do Imposto de bens Inmobles (IBI).
O listado de propiedades que se lle atribuía á Asociación de Veciños ían dende o Campo de fútbol da parroquia ata leiras en Trasmañó así como fincas con varios inmobles abandonados nunha zona de monte. Só polo Campo de fútbol da parroquia esixíanlles, en concepto de IBI, 13.000 euros. Ante esta situación a secretaria da asociación, Angeles Méndez presentou ante Facenda unha queixa alegando que se tiña producido un erro na revisión catastral e solicitando que se deran de baixa todas esas propiedades das que o colectivo non era titular.
Unha reclamación na que se subliñaba que a Asociación de Veciños non é nin fora nunca propietaria dos inmobles que se lle atribuían. Malia que nun primeiro momento o recurso presentado ante o Catastro non fora aceptado agora Facenda si lles da a razón, dando de baixa como titulares desas 34 propiedades ao colectivo veciñal e ordenando que a corrección teña efectos dende marzo de 1996, data na se atribuíu a esa asociación o pago de impostos malia que o colectivo non foi coñecedor da situación ata o ano 2017.