A parroquia de Santo Estevo de Negros acolle esta fin de semana a XXIV edición da Festa da mazá na que se servirán pratos variados nos que un dos seus ingredientes fundamentais é sempre a mazá do Val do Maceiras. Non faltará a sidra nun evento que congrega ao redor de tres mil persoas algunhas chegadas dende ben lonxe “temos chamadas da Coruña ou de Portugal” confesa o presidente da comisión, Emilio Antón quen confirma a “boa calidade do produto deste ano, cunha froita excepcional grazas ao tempo chuvioso do verán”.
Prezos populares para degustar durante toda a fin de semana diferentes pratos que van dende o bacallau con mazá “un dos máis demandados polo comensais” segundo confesa Antón, pasando polas brochetas con peituga de polo con mazá, lombo á mazá, costela con mazá ou a empanada. Unha festa que se fai grazas a colaboración desinteresada de ducias de veciños “que se encargan de doar as mazás, cociñar ou elabora a sidra”. Unha cita que confía en congregar a unhas 3.000 mil persoas durante os dous días de festa. As casetas de degustación, instaladas baixo unha carpa para impedir calquera incidencia meteorolóxica, abrirán as súas portas ás 20:00 horas do sábado coa degustación de diferentes pratos nunha xornada na que non faltará a verbena amenizada, a partir das dez da noite, polo trío Pentágono. O domingo os visitantes poderán xa achegarse aos stands a partir das once da mañá, nun día grande no que o actor e monologuista Avelino González será o encargado do pregón.