Cando todo apuntaba a un empate no campo do Vilalba, un gol de Cuadrado deixou ao equipo redondelán sen recompensa. Na Primeira Autonómica perdeu o Arcade, e na Segunda o Atl. Vilar sumou unha importante vitoria en Gondomar mentres o Cesantes perdía na casa co Vilaboa.
Terceira División
Vilalbés 1-0 Choco
Coma un xerro de auga fría caeu o gol de Cuadrado no conxunto redondelán cando xa parecía que o partido terminaría en táboas. 0-1 foi o resultado final dun encontro no que a balanza puido caer de calquera lado, aínda que os locais tiveron máis ocasións de gol, que non souberon rentabilizar. Se todas a derrotas son duras, sempre o son máis cando se producen na última xogada do último minuto, cando xa parecía seguro o empate. Durante a primeira metade, un Choco dubitativo concedería algunhas licencias que serían aproveitadas polos xogadores villalbeses que non souberon aproveitar para adiantarse no marcador. Os xogadores choqueiros, pola súa parte, tamén tiveron a súas ocasións de gol que tanto a madeira como o gardameta local, Javi Pita, evitaron. Lucenses e redondeláns chagaron ao tempo de descanso sen estrear o marcador. Despois de pasar polo vestiario a historia repetiríase. Os locais levando a batuta dun encontro, aínda que os de Redondela sairon máis enchufados e crearon máis ocasións de gol. Pero os locais tamén puxeron en apuros a Cortegoso, que salvou ao equipo choqueiro en varias ocasións.A medida que ía transcurrindo o tempo de desconto, cando xa todo apuntaba a un reparto de puntos, apareceu Cuadrado cun remate dende dentro da área para poñer, sobre o pitido final, o 1 a 0 que deixaba ao Choco sen premio. Os redondeláns sitúanse agora en quinta posición, empatados a puntos co Arousa SC e o CD Barco. Teñen agora unha semana de traballo por diante para preparar o partido contra o Arzúa, que é 10º. “Gonza” tamén confía en recuperar algúns dos xogadores lesionados co fin de “poder completar convocatoria”.
Primeira Galega
Campo Lameiro 2-0 Arcade
Partido difícil no Campo Municipal da Chanciña, onde as reducidas dimensións do terreo de xogo non permitiron ao Arcade desplegar o seu xogo. Os de Soutomaior, que agora son 13º, reciben na próxima xornada ao Santa Mariña, cos vigueses no posto 11º, cun punto máis.
Segunda Galega
Cesantes 1-3 Vilaboa
O Cesantes segue na parte baixa da táboa logo da derrota ante un dos fortes do grupo. Na próxima xornada visita o campo do Xil, máis afundido aínda na táboa que os redondeláns, cun punto menos.
Gondomar 3-4 Atl. Vilar
Importantísima vitoria a domicilio do Atl. Vilar ante un dos equipos da parte alta da táboa. Os redondeláns escalan posicións, agora ocupan o 10º lugar da clasificación. O domingo reciben ao Tebra, o pechacancelas do grupo.
Terceira Galicia
Chapela, tivo xornada de descanso. O domingo reciben no campo de Parada ao Nespereira.
Nespereira 1-2 Moledo
O Nespereira é o único equipo do grupo que aínda non sumou ningún punto nestas 6 xornadas disputadas, logo de que o Moledo se fixese coa vitoria.
Fútbol Sala Terceira División
Pazos de Borbén 2-4 ADFS Bueu
Nova derrota do Pazos, esta vez nun intenso e igualado choque que se decantou a prol dos do Morrazo. Desde o club lamentan “a pésima actuación arbitral, con decisións que condicionaron o resultado final e causaron o enfado da numerosa afección presente no Municipal”. Con todo, o Pazos tamén fai autocrítica “con erros propios e falta de fluidez en ataque” que lles impediron sacar un resultado positivo. Os de Fran Amoedo seguirán a traballar esta semana para mellorar resultados de cara á visita esta fin de semana á pista do Baíña FS.
Preferente Sur
UD Coles 2-10 Redondela Maramar
Vitoria do Redondela cunha contundente goleada no pabillón do UD Coles, equipo que aínda non sumou ningún. O equipo de Quico ponse líder, e a próxima fin de semana recibe á Quinta de Tui, situado na metade baixa da táboa.
Campito 5-2 Teis
Os de Chapela fixéronse co derbi comarcal cunha vitoria abultada sobre o Teis, que aínda non conseguiu sumar ningún punto. Agora están no 9º posto da táboa, e na próxima xornada visitan a pista do Balona Linense, cos anfitrións en postos de descenso, sen sumar aínda ningún punto no inicio da temporada.
Primeira Galicia
Arealonga Const. Castro 5-3 ED Marín Ponfincas
O Arealonga ponse líder logo de vencer na casa ao Marín, que chegaba como 1º do grupo. Agora os de Chapela están no máis alto da táboa empatados a puntos co Abetos Gondomar e o Pecheches. Este último será precisamente o seu rival o próximo sábado, polo que o liderato estará de novo en xogo.
Primeira Galicia Feminina
Poio Pescamar 5-1 Campito Chapela
Os equipos locais de fútbol sala feminino aínda non conseguiron sumar neste arranque de liga. As rapazas do campito perderon en Poio, e esta semana preparan o encontro que as enfrontará o sábado na casa ao Fisgón Futsal B
Arealonga Const. Castro 1-2 Mosteiro Bembrive
O Arealonga fixo un bo partido ante o actual líder do grupo, pero non foi quen de acadar un resultado positivo. O sábado xogarán en Mondariz ante o Club Cíos Vigo Mondariz.