Máis de 60 colectivos entre os que se atopan Anpas, partidos políticos, asociacións culturais e deportivas amosaron o seu apoio a unha manifestación que se vai celebrar este sábado ás 19:00 horas convocada pola Coordinadora contra a Casa de Apostas en Redondela. A protesta partirá ás 19:00 horas dende a praza de Ribadavia (Praza da Farola) e busca visibilizar o seu rexeitamento a un negocio que se prevé instalar na rúa Ernestina otero, a 150 metros da zona escolar e deportiva da Marisma.
Logo de cinco concentracións ante o local que está a ser reformado para albergar este negocio, entenden os convocantes que é o momento de dar un paso máis para denunciar unha actividade que só beneficia aos empresarios que o xestionan e que, pola contra, provoca importantes prexuizos naquelas zonas nas que se instala. Insisten en que se trata dun problema de saúde pública que provoca adicción que poden xerar grave problemas de ludopatía. Uns argumentos que entenden deberán estar presentes nas alegacións que se presenten contra a apertura desta casa de aposta unha vez abra o periodo de información pública, pendente aínda da súa publicación no Boletín oficial da provincia. De feito, dende a Coordinadora están xa a traballar na elaboración desas alegacións, que entenden deberán ser masivas para ter máis forza na súa intención de que a casa de apostas non chegue a abrir. A manifestación deste sábado sairá dende a praza de Ribadavia e percorrerá a rúa Alfonso XII e Ribeira, pasando por diante do local na rúa Ernestina Otero para rematar na praza do Concello, lugar no que se lerá o manifesto. Autorización da Xunta Dende o BNG instan a Alberto Núñez Feijoo a aproveitar o mitin que os populares celebran hoxe en Redondela para anunciar a “revogación da autorización concedida pola xunta no pasado mes de abril” para a apertura desta casa de apostas insistindo en que se atopa a menos de 150 metros da Escola de música e o conservatorio e a carón da zona escolar da Marisma. Insisten dende o BNg que o anterior alcalde Javier Bas era coñecedor da solicitude e “no canto de informar á veciñanza, dedicouse a facer campaña electoral co seu famoso barrio das artes, a escasos metros dese Salón de Xogos”, afirman.