Comercios do centro de Redondela e Chapela súmanse tamén a esta festa que ano tras ano conta con máis adeptos. Así, nunha iniciativa desenvolvida conxuntamente polo Concello e a Asociación de Empresarios, repartirán entre a rapazada preto de 70kg de caramelos. Un reparto de lambonadas que se suma a outras propostas como a realización de obradoiros organizados por Xuventude nos multiúsos de Redondela e Chapela.
Os locais adheridos a iniciativa da Asociación de Empresarios están identificados cun cartel indicativo que invita aos nenos a entrar nos establecementos. En Chapela a iniciativa tamén conta coa implicación das ANPAS dos tres centros escolares e convida a saír á rúa e entrar nos comercios identificados. Esta campaña na que se recuperan os elementos da cultura galega do Samain, toma cada vez máis forza e é empregada como un pretexto para que os nenos e nenas volvan gozar das rúas e vexan o comercio de proximidade dunha forma amigable.
Iniciativa que se suma ao resto de propostas que se espallan por toda a bisbarra con actividades organizadas directamente dende a Concellería de Xuventude: obradoiros de cociña e maquillaxe terrorífica, decoración de cabazas e elaboracións de cestas, nuns talleres que no caso de Redondela arrancarán ás 16:30 horas mentres que en Chapela comezarán ás cinco da tarde. Malia que a ubicación inicial prevé estas actividades nas respectivas Alamedas, a mala previsión meteorolóxica apunta a que se realizarán nos Multiúsos da Xunqueira e o Piñeiral. Tamén na Alameda Castealo está previsto instalar un pasadizo do terror que estaría aberto de 18:00 a 21:00 horas.
Reveriano Soutullo
Tamén este xoves os comerciantes da zona de Reveriano Soutullo xunto con Mimarte taller creativo convidan aos nenos a participar dun concurso de cabaza que arrancará ás 17:00 horas e que contará con premios á cabaza artístitica e a mellor cabaza tradicional.
A Miñoteira
O centro cultural A Miñoteira de Ventosela ten tamén propostas para este 31 con maquillaxe terrorífica, bailes fantasmagóricos, pócemas máxicas e probas para todos os que se acheguen o xoves a partir das 17:30 horas.
Reboreda
Pola súa banda, a Cultural de Redoreda organiza tamén os seus concurso de cabazas para nenos e de sobremesas para maiores ás 19:00 horas, con premios que consistirán en cheques de compra para a librería A Carambola.
Soutomaior
E para conmemorar esta data tan especial a OMIX de Soutomaior ten en marcha diferentes propostas que arrancarán o xoves cunha actividade de orientación orientada a maiores de 4 anos que arrancará ás sete da tarde.
O sábado celebrarase tamén unha tarde de medo na alameda de Talo Río onde haberá moitos xogos, unha casa do terror, castañas e espectáculos cos que se afondará na historia do Samaín. Rematará a xornada un pasarrúas co espectáculo “Draco” de Troula Animación.