O Concello de Soutomaior vai solicitar formalmente a súa inclusión no Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, unha proposta europea que pretende reunir a entidades locais e organismos rexionais en contra do cambio climático e que inclúe unha serie de medidas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro antes do ano 2030. O obxectivo é reducir un 40% as emisións de CO2 no municipio.
Unha vez asinada a adhesión ao Pacto, o Concello de Soutomaior disporá de dous anos para realizar o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable no que se incluirán diversos indicadores que servirán para calcular o impacto ambiental actual e establecer as estratexias necesarias para a súa redución. O obxectivo é reducir antes do ano 2030 polo menos un 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, encomiou a importancia deste tipo de iniciativas para afrontar o cambio climático xa que “axudan a construír unha sociedade máis sustentable e respectuosa co medio ambiente. A salvar un planeta que puxemos en perigo”.
O pacto mundial dos alcaldes aproveita a experiencia obtida durante os últimos 8 anos en Europa e nas rexións circundantes e desenvolve os factores crave do éxito da iniciativa. Actualmente pertencen a este pacto que loita contra o cambio climático 7.000 autoridades locais e rexionais de 57 países.