Os populares buscan a mobilización cidadá. Facían ese chamamento no marco da defensa dunha moción presentada no último pleno municipal na que reclaman a Fomento que cumpra os seus compromisos coa supresión da peaxe e as melloras compensatorias en Chapela. Todos os grupos apoiaron a moción malia lamentar que os populares “cando gobernaron dedicáronse a paralizar as mobilizacións” segundo afirmaba o BNG. Tamén lle recriminaban dende AER que “coas súas políticas conseguiran dividir a parroquia de Chapela” mentres o PSOE aseguraba que “tivo que ser o novo goberno quen tramitara as sinaturas dos veciños en contra da peaxe que o PP deixou nun caixón”.
Unha vez máis o pleno de Redondela aprobou por unanimidade trasladar ao Ministerio de Fomento unha petición para que proceda a suprimir a peaxe en Rande e cumpra cos compromisos recollidos na adenda e que incluirían obras de mellora no entorno da ampliación da autoestrada, pantallas antirruído e a reforma do acceso a Trasmañó. Dende o PP insistía a súa voceira, Carmen Amoedo que todos os incumprimentos padecidos pola parroquia de Chapela e por todos os redondeláns son consecuencia “dos agravios de diferentes goberno socialistas ao noso concello”. Facía referencia tamén ás palabras do actual ministro en funcións que vinculaba a gratuidade da peaxe a unha nova ampliación da autoestrada. Concluía facendo un chamamento a “voltar as rúas e mobilizarse para reclamar que se nos respecte e se nos trate como nos merecemos”. Unha moción que era tachada polo resto dos grupos de electoralista e oportunista. Malia todo, votaron a favor por entender que “é o deber da corporación reclamar cantas veces sexa necesario a supresión da peaxe”. Dende o BNG con todo amosaban a súa sorpresa “porque agora o PP chame á mobilización cando o seu obxectivo durante os anos que o Ministerio estaba en mans dos populares dedicáronse a amortiguar e tentar paralizar esas protestas”. Tamén a Agrupación de Electores criticou a postura do PP que “durante o goberno de Javier Bas logrou dividir a parroquia de Chapela”. Argumentos que esgrimían tamén os socialistas quen denunciaron que “todas as sinaturas que o anterior goberno local recolleu nas semanas previas ás eleccións municipais quedaron nun caixón e tiveron que ser tramitadas polo novo goberno de PSOE-AER”. Criticaron tamén que o PP se dedicara a enfrontar o movemento veciñal neste asunto.