Os traballos, que consistirán en demoler parte do edificio para poder así adaptalo a legalidade urbanística, xa comezaron coa colocacións dos andamios. Unha actuación que xa desatou o cruce de acusacións entre os partidos políticos. Mentres no PP se felicitan por unha actuación que “é posible grazas a que o anterior goberno deixou pechado un expediente con orde de demolición para a parte non legalizable do edificio” dende o BNG lembran que “o goberno de Javier Bas pretendía mercar con fondos públicos o edificio ilegal de Chapela” e que foi a presión veciñal e dos grupos da oposición a que non permitiu que se cometera esa ilegalidade.
O inmoble, ubicado na entrada da autoestrada nas inmediacións do Centro de Saúde de Chapela, será finalmente reformado co obxecto de adaptalo á legalidade vixente. Logo de 25 anos paralizado, arrancan agora as obras que buscan demoler aquelas partes que non poden ser legalizadas por exceder o volume permitido na licenza urbanística concedida no ano 1992.
A voceira do PP, en declaracións ao Faro de Vigo, subliñou que co inicio desta actuación execútase unha obra que a anterior corporación deixou pechada con orde de demolición da parte non legalizable cun prazo máximo de execución de nove meses”.
Dende o BNG saen ao paso destas declaracións da exconcelleira de urbanismo, a popular Amoedo, que entenden como unha “ofensa de quen asumíu a responsabilidade de dirixir o departamento de urbanismo e defendeu que se cometera a ilegalidade de comprar este edificio con cartos de todos os veciños e veciñas”. Refírese a unha moción que en setembro do 2017, presentada polo propio Partido Popular que daquela ostentaba a alcaldía en Redondela. Baixo a xustificación da necesidade de dotar á parroquia de Chapela de locais para coleitivos e asociacións, “pretendían facer unha ilegalidade con fondos públicos”. A negativa final dos grupos da oposición, que eran maioría, detivo a proposta.