O deputado do BNG, Luis Bará reclama da Xunta que non se vulnere o acceso gratuíto a illa nin se permitan actividades que atenten contra a memoria histórica. Entende que festas como a “aventura terrorífica” que estaba previsto celebrar na noite de Samaín non teñen cabida nun espazo no que centros de persoas foron presas. Por ese motivo reclaman un plan de especial protección para a Illa, que cesen todos os usos hostaleiros por parte de empresas privadas e que o Goberno galego garanta que se cumpre o acceso non lucrativo a illa. Todas as propostas foron vetadas polo PP.
O nacionalista Luís Bará levou ao Parlamento unha proposición non de lei con tres demandas concretas: que a Xunta faga cumprir a Lei de Patrimonio Cultural que indica como obrigatorio que os BICs, -caso da Illa de San Simón-, dispoñan dun plan especial de protección, que cesen todos os usos hostaleiros por parte de empresas privadas como a festa que tiña convocada a empresa navieira Nabia para o samaín e que ao entender do bloque era dunha insensibilidade manifestas cara os familiares dos presos que pasaron por este penal e que o Goberno galego garanta que se cumpre o acceso non lucrativo a illa. “Temo claro desde o BNG que San Simón debería ser a illa da memoria, como primeiro paso para ser moito máis”, salientou o deputado pontevedrés, que na PNL centrou as propostas de protección dese espazo. “Non se deberían facer moitas das cousas que agora vemos, como quedou claro nas concesións destas illas desde o Estado á Xunta e a súa condición de BIC como sitio histórico, que supón unha restrición e limitación nos seus usos”, explicou. Bará sostivo que a Xunta está incumprindo os termos en que o Estado fixo a concesión deste espazo público, que debería ser preferentemente de uso cultural e docente, pero a día de hoxe a illa está baleira por decisión do Goberno do PP e despois de levar a cabo unha rehabilitación das diferentes edificacións e do entorno cun investimento de doce millóns de euros. Tras desaloxar da illa ao IGADI e a Fondo galego de cooperación, a illa quedou baleira e sen usos ante a falta de interese e de iniciativa da Xunta por facer unha programación pública, baleiro que foi substituído deixando facer a empresas privadas que levaron a cabo propostas totalmente banais cando non fora de lugar, e que mesmo supuxeron a frivolización dun espazo “que ten moita historia e moita memoria viva que ten que ver cos sentimentos das persoas”, subliñou Bará, en referencia a mencionada festa.