O Servizo de Normalización Lingüística organiza un ciclo dedicado ao Novo Cinema Galego cun total de catro películas que se proxectarán no Multiúsos da Xunqueira. “O que arde” de Oliver Laxe, “Arraianos” de Eloy Enciso, “Mamasunción” de Chano Piñeiro e “Trinta Lumes” da redondelá Diana Toucedo conforman este ciclo que arrancará o vindeiro 29 de novembro. As entradas teñen un prezo de 2 euros.
A aclamada cinta “O que Arde”, primeira película rodada en Galicia do director coruñés Oliver Laxe será a encargada de inaugurar este ciclo que organiza Normalización Lingüística co obxecto de achegar ao público redondelá a novo cine galego. Unha cinta esta que arrasou en Cannes e que ten levantado unha grande expectación polo seu contido poético e de compromiso. Conta a historia de Amador, quen regresa a súa casa, unha aldea perdida nas montañas lucenses, cando sae do cárcere tras cumprir condea por ter provocado un incendio. Alí volverá convivir coa súa nai, Benedicta, a súa cadela Lúa e as súas tres vacas.
Poderá verse o venres 29 ás 20:30 horas no Multiúsos da Xunqueira.
As seguintes propostas serán xa en decembro. O xoves 5 coa película “Arraianos”, de Eloy Enciso, o sábado 21 de decembro cunha homenaxe a Chano Piñeiro coa proxección de “Mamasunción” e pechará o ciclo o título “Trinta lumes” de Diana Toucedo.
As entradas (2 €) poderanse recoller no Multiúsos da Xunqueira a partir deste sábado.