Pepe e Pepa, un conto para detectar a violencia de xénero, centraba o acto institucional do 25N en Redondela. Control, illamento social, chantaxe, insultos, intimidación, agresión física, ameazas, agresión sexual… ese é o camiño que adoita seguir o maltratador ata chegar ao chanzo final, o da violencia física severa. Así o explicaron alumnos e alumnas dos institutos de Redondela xunto con maiores dos centros do día que na mañá de hoxe participaron no acto institucional do Concello no 25N, Día contra a violencia machista. Un acto interxeracional para visibilizar que “contra a violencia machista, nin un paso atrás”.
Ao tempo que se daba a coñecer a vítima número 52 da violencia de xénero no que vai de ano, unha muller de 26 anos que era asasinada en Tenerife pola súa parella, o Multiúsos da Xunqueira acollía un acto precisamente para visibilizar a loitar contra esta lacra que, dende o ano 2003, xa se cobrou a vida de 1028 mulleres. Así o salientaba a alcaldesa Digna Rivas, quen lle poñía nome a todas elas facendo unha parada especial nos nomes de Mª Jesús Aboy, Mª Carmen Vázquez e Sandra Boquete, mulleres que este ano eran asasinadas polas súas parellas ou exparellas en Galicia. A continuación manifestaba a alcaldesa o “compromiso do concello de desenvolver políticas activas para loitar contra a violencia de xénero traballando conxuntamente con todos os axentes implicados así como continuar coa atención directa ás vítimas”. Un traballo que se realiza tamén nos centros educativos con actividades como a Historia de Pepe e Pepa que permite aos máis novos identificar posibles relacións de maltrato ao verse reflectidos nela. Un conto que ben podería ser real no que os dous protagonistas van subindo os chanzos dunha escaleira, no que cada unha deles supón un paso máis no control que le exerce sobre ela. Arranca cun primeiro chanzo no que hai un control sobre as amizades ou un certo acoso telefónico, ata chegar ao illamento social, a chantaxe, os insultos, a intimidación, as ameazas… Un camiño no que Pepa cambia incluso a súa forma de ser porque a súa parella non se lle gusta… un progresión que de non poñerlle remedio chega ata a violencia física severa. Para evitar todo iso compre traballar contra os agresores “deixando de culpabilizar ás vítimas” e mandando mensaxes claras e directas así como traballando conxuntamente cos centros escolares para concienciar aos máis novos. Dous camiños que non son dabondo porque é preciso “o compromiso de todos e todas para construír unha sociedade libre de violencia sexista”.