As obras arrancaron hai sete meses e malia que xa debía estar rematada, continúa sen prazos de finalización. Os veciños temen que a situación se prolongue xa que o mal tempo das últimas semanas fixo que a obra se ralentizase. A actuación está enmarcada dentro do Plan Concellos 2017 cun orzamentos de preto de 150.000 euros e comezou a executarse no pasado mes de abril.
Os veciños amosan a súa preocupación pola lentitude coa que avanzan os traballos de ampliación da ponte que discorre sobre a vía ferroviaria no barrio de Casal do Monte en Saxamonde. Esta semana os Concelleiros do PP, Carmen Amoedo, María José Barciela e Ivan Crespo, achegáronse a comprobar a petición dos veciños e aseguran que lles trasladaron o seu malestar “porque durante todo o verán apenas avanzou a obra e agora co mal tempo a situación complícase”. Son veciños da contorna que fixeron a cesións de terreo gratuitamente para que se puidera ampliar todo o tramo do viario e que agora “están a comprobar que a obra practicamente non avanza”.
Explican dende o PP que “non logramos entender como tanto o Concelleiro de Vias e obras como a Alcaldesa non fixeron un seguimento máis exhaustivo desta obra, xa que o día que nos achegamos a comprobar o estado só estaban a traballar 3 obreiros e un vixiante de Adif”.
Unha obra que aseguran xa tiña que estar acabada e está aínda na fase inicial atopándose agora mesmo con problemas moi serios para poder sacar a terra xa que o camiño polo que o facían veuse abaixo coas últimas choivas.
Unha vez máis, conclúe o PP “temos que lamentarnos da falta de previsión e a falta de capacidade do goberno local para sacar adiante toda as obras que deixamos contratadas ou en fase de contratación e que agora corren o risco como é neste caso de que a obra non se acabe en condicións polas inclemencias meteorolóxicas (centro Cultural de Quintela, área Recreativa de Santo Estevo, Participativos, etc)”.