As brigadas ecolóxicas forman parte dun proxecto educativo realizado polo Concello en colaboración do Departamento de Bioloxía do IES Soutomaior que ten como obxectivo fomentar a concienciación ambiental entre o alumnado do centro a través diversas accións e iniciativas. O consistorio colaborará achegando novos contendores de reciclaxe para formar, xunto ao compostero instalado recentemente, unha illa completa de recollida selectiva de residuos para o uso exclusivo do centro.
O programa arrancou a semana pasada coa primeira charla dirixida aos alumnos de 1º da ESO. Nela expuxéronse conceptos básicos sobre as causas do cambio climático e organizouse un pequeno xogo no que grupos de alumnos expuñan as accións que se poden levar a cabo para combatelo. Ao finalizar, explicáronse as seguintes fases do proxecto e animouse aos alumnos a participar nas seguintes actividades.
A seguinte fase do programa desenvolverase o 26 deste mes no Multiusos de Arcade. Trátase dun taller creativo no que os alumnos darán vida aos residuos máis habituais nun centro educativo confeccionando traxes e disfraces, humanizando os restos e reforzando a reflexión sobre a orixe e o uso que as persoas damos a eses desperdicios
Por último, a partir do 20 de xaneiro, os brigadistas ecolóxicos comezarán a actuar no IES Soutomaior. A través de campañas de concienciación entre os seus compañeiros, repartición de bolsas de papel na cafetaría do centro e outras actividades, os alumnos porán en relevancia o impacto ambiental do seu centro educativo e fomentarán medidas para reducilo.
A edil de educación, Fátima Vidal, destacou que a gran vantaxe desta clase de iniciativas é que traballa a concienciación dos alumnos a través dos propios compañeiros, fomentando non só os bos hábitos persoais, senón tamén as condutas de grupo responsables co medio ambiente, finalizou a edil.