A emenda presentada polo BNG facía referencia a situación específica da sanidade pública neste Concello, que nas últimas semanas ten acollido dúas protestas veciñais pola falta de facultativos e as listas de espera tanto no Centro de Saúde de Arcade como no de Soutomaior. A proposta, na que se formulaba o incremento de médicos e persoal sanitario no municipio, non saíu adiante ao votar en contra o Partido Popular.
Representantes do BNG de Soutomaior estiveron presentes no parlamento Galego para asistir ao debate dos orzamentos no que se abordaba esta emenda. A Portavoz Nacional do BNG Ana Pontón, que se referiu na súa intervención á situación da sanidade en Soutomaior, esixiu que a Xunta de Galicia abandonase a súa política de recortes na sanidade pública..
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo, destacou que co voto en contra dos populares “queda máis claro que nunca que coller unha papeleta deste partido non fai senón contribuír ao desmantelamento da sanidade pública do noso concello”. Engadiu que “dende o BNG chegaremos ata onde sexa necesario para defender o dereito á saúde da nosa veciñanza”.