As chuvias das últimas semanas e a forza coa que baixaba a auga no Alvedosa provocaron a rotura e posterior retirada de barreira anticontaminación situada na canle do río. Os soportes da barreira non aguantaron a presión e velocidade do caudal e un dos laterais acabou rachando. Para evitar que isto volva acontecer estúdase agora a colocación dun novo sistema de poleas que permita levantar a barreira cando se prevén fortes crecidas.
Tras as chuvias torrenciais acontecidas nas últimas semanas a Concellaría de Medio ambiente viuse obrigada a retirar a barreira situada sobre o río Alvedosa logo de que os soportes da mesma, situados nos laterais do río, non soportasen a forza do caudal e acabara rachando. Agora a idea é rediseñala cun novo dispositivo que permita o levantamento da barreira nos momentos en que o caudal do río creza dun xeito acelerado. Unha vez arranxada volverá colocarse xa que, segundo explica o edil de Madio Ambiente, Roberto Villar, é un bo sistema para evitar que os plásticos cheguen á desembocadura do río e contaminen o mar. Unha barreira que foi colocada hai xa un par de anos e que amosa a súa eficacia á hora de reter os plásticos, bolsas e outro material que flota na auga e que queda enganchada nesta barreira situada na zona baixa do Alvedosa, avitando así que todo este lixo acabe no mar. Con todo, insiste o edil en que non é eficaz cos microplásticos polo que, mais aló de adoptar medidas dende a concellería, compre unha maior concienciación da cidadanía para evitar que este material acabe nos ríos.